| PREMIO
PULITZER (1981)
E MELLOR NOVELA ESTRANXEIRA EN FRANCIA (1981)
Unha gorra verde de cazador comprimía
o cocote dunha cabeza gorda coma un globo. As orelleiras verdes
-recheas de orellas grandes, cabelo sen cortar e os pelos
finiños que crecían nas devanditas orellas-
levantábanse para os flancos tal que bandeiriñas
de xiro a indicaren dúas direccións simultáneas.
Uns beizos carnosos e engurrados nunha carantoña sobresaían
por debaixo do mesto bigote negro e ocultábanse nas
comisuras en preguiñas cheas de desaprobación
e migallas de patacas fritidas. Na sombra proxectada pola
viseira verde da gorra, os desdeñosos ollos azuis e
amarelos de Ignatius J. Reilly miraban por riba do ombro para
as demais persoas que agardaban baixo o reloxo dos grandes
almacéns D. H. Holmes, escrutando a multitude...
“A conxura dos necios”, galardoada
co Premio Pulitzer de ficción en 1981, é unha
das novelas póstumas de John Kennedy Toole. O seu título
procede dunha cita do clásico Jonathan Swift: Cando
no mundo aparece unverdadeiro xenio, podémolo recoñecer
por este signo: que os necios se conxuran todos contra el,
da súa obra “Pensamentos sobre diversas materias,
tanto morais como amena”. |