O paso inexorable
do tempo condeou ao esquecemento a moitos xoguetes de tea,
cartón ou madeira, creados anos atrás por mans
artesás. Os nenos de hoxe en día sucumben ante
as luces, sons e movementos dos artiluxios fabricados a base
de sofisticados trebellos tecnolóxicos. Pero ningún
deles co encanto e a bondade de compañeiros de xogos
como o boneco desta conmovedora historia...
Este álbum
sen palabras invita a reflexionar sobre as relacións
interxeracionais: avós, fillos e netos creceron en
‘mundos’ diferentes e baixo circunstancias cambiantes.
Os xogos de antano, máis participativos, amables
e humildes, tornaron en elementos que fomentan o individualismo,
a competitividade e a violencia. Cando a súa precaria
saúde o leva a afastarse da familia, o ancián
deste relato quere legarlle ao seu neto o recordo máis
tenro da súa nenez. Pero o monicreque que o acompañara
dende neno e que ao longo de toda unha vida fora testemuña
de excepción dos seus momentos máis felices,
agora -e nas mans do seu neto- queda relegado a un recuncho
apartado.
|